Cronoloxía de XFV

 

 

1906      Nace en Pontevedra o 28 de outubro na que será sempre a súa casa na praza do Peirao

1922      Inicia a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago

1923      Principia a carreira de Dereito que levará simultaneamente ca de Filosofía e Letras. Publica o seu primeiro artigo, sobre Xelmírez, nunha revista escolar compostelá, Renovación. Participa moi activamente no proceso fundacional do Seminario de Estudos Galegos. O seu discurso de ingreso, Festas composteláns na canonización de San Pio V publicarase en 1929 na revista do organismo. Galicia e a súa cultura entendida esta no sentido máis amplo, serán a partir de entón o eixo principal da súa actividade.

1925      Edita en Pontevedra a súa primeira obra de creación literaria, Os nenos con ilustracións de Luís Pintos Fonseca. E tamén a primeira publicación auspiciada polo Seminario de Estudos Galegos.

1927      Licénciase en Filosofía e Letras na Universidade de Zaragoza, sección de Ciencias Históricas.

1928      Conclúe con Premio Extraordinario os estudios de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. E nomeado axudante interino da Sección de Letras do Instituto de Pontevedra. Pon en marcha, no Seminario de Estudos Galegos  unha ambiciosa iniciativa: a Catalogación Arqueolóxica e Artística de Galicia.

1929      Simultaneamente ao desenvolvemento da súa carreira docente, e nomeado secretario fundacional do Museo de Pontevedra ao que permanecerá unido durante toda a súa vida.

1931      Comeza a desenvolver unha intensa actividade política tanto en Pontevedra como en Compostela como secretario técnico do Partido Galeguista  centrado nas discusións sobre o Estatuto de Galicia. Xunto con Risco, Cabanillas, Otero Pedrayo, Claudio Losada entre outros, firma o manifesto Afirmación católica d’un Grupo de Nacionalistas.

1932      Nomeado Correspondente da Real Academia de la Historia.

1933      Continua a actividade política como secretario de Labor Galeguista en Pontevedra. No Seminario de Estudos Galegos e nomeado director da sección de Historia da Literatura e encargado do servizo de prensa.

1934      Con Sebastián González García-Paz publica a compilación de traballos e actividades levados a cabo polo Seminario de Estudos Galegos dende a súa fundación. Eles dous xunto con Xesús Carro García publican a memoria dos traballos realizados polo Seminario sobre arqueoloxía relixiosa de Terra de Deza, iniciado seis anos antes.

1935      Rompe co Partido Galeguista incorporándose a Dereita Galeguista. Defende na Universidad de Madrid a tese de doutoramento dirixida por Armando Cotarelo Valledor sobre a Cantiga CIII : noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval. Tamén neste ano gaña por oposición a Cátedra de Lingua e Literatura Española do Instituto “Balmes” de Barcelona (axiña trasladarase a Melilla, despois a Lugo e finalmente a Pontevedra).

1936      Continua a actividade política en Dereita Galeguista centrada tanto na preparación de asembleas, como no relacionado ca posición fronte ao Estatuto e a oposición aos partidos do Frente Popular. Neste ano publica a súa tese en Santiago e a obra teatral para nenos Agromar en Lugo co pseudónimo J. Acuña. Tamén publica, a finais deste ano, o manual en tres volumes,  Lengua y literatura Española, en colaboración con Evaristo Correa Calderón.

1937      Nomeado vocal da “Junta de Cultura Histórica y del Tesoro Artístico de la Provincia de Lugo”. Publica regularmente en Azul de Lugo co pseudónimo Martín Valerio.

1938      Casa con María Teresa Iglesias de Oscáriz . Nomeado “Agente del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional”.

1939      Finalmente, acada o traslado  ao Instituto de Pontevedra onde permanecerá ata a súa xubilación en 1976.

1941      Toma posesión como membro numerario da Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso “Da épica na Galicia medievalnon se publicará ata 1973. Neste ano tamén publica no n. 7 da revista Albor,  6 canciones de mar “in modo antico”.

1942      Iníciase a publicación da Revista do Museo de Pontevedra e publica o Cancioneiro Musical de Galicia a partir da colección da Sociedad Arqueológica reunida por Casto Sampedro y Folgar.

1944      Constitúese formalmente o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos en cuxa preparación desenvolve  un papel moi activo. Farase cargo da sección de Arte. A nova institución inicia a publicación de Cuadernos de Estudios Gallegos co traballo de Filgueira La iconografía de Santiago y el grabado compostelano. O ano seguinte iniciará nesta publicación a ambiciosa Bibliografía de Galicia que prepara no Museo de Pontevedra.

1946      Publica Archivo de Mareantes, unha das súas obras mais coñecidas.

1948      Neste ano destaca a creación da Editorial de los Bibliofilos Gallegos, na que participa e da que chegará a ser presidente e continua a publicación de traballos en Cuadernos de Estudios Gallegos e Revista de Filología Española. Tamén publica La imprenta compostelana: Libros y folletos hasta 1868 e unha historia de Compostela titulada El Libro de Santiago.

1949      Recibe o premio “Antonio de Nebrija” do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, pola obra La primitiva lírica de Galicia y Portugal. Unha versión deste traballo publicarase no v. 1 da Historia General de las Literaturas Hispánicas, co título Lírica medieva gallega y portuguesa.

1950      Dirixe a primeira excavación que se leva a cabo no xacemento da Lanzada en Sanxenxo, Pontevedra e publica Grabados compostelanos. Iconografía del Apóstol. Grabadores de Compostela. Estampas de tema santiagués.

1951      Nomeado Comisario Provincial de Escavacións de Pontevedra e vocal da Xunta Provincial de Turismo.

1953      Nomeado correspondente da Real Academia Española. Publica La Artesanía en Galicia

1959      Continúa durante todos estes anos a intensa actividade tanto no que se refire a publicacións como a traballo no Instituto de Pontevedra. Tamén e intensa a súa actividade como conferenciante e mantedor e organizador de eventos de todo tipo. Neste ano, ademais, e nomeado alcalde de Pontevedra.

1962      Neste ano consolidase en Lourizán, tras unha longa e pouco clara tramitación administrativa, a factoría da Empresa Nacional de Celulosas.

1964      Continua como alcalde ao fronte dunha nova Corporación municipal e realiza a súa primeira viaxe a Arxentina. A parte da actividade de goberno municipal , continua publicando traballos como un novo manual para bacharelato titulado Arte Literario : Lengua española e, na colección “España en Paz”, o libro dedicado a Pontevedra.

1965      E un ano destacado pola actividade tanto no ámbito municipal (urbanización do Campo do Boi e da Xunqueira,…), como no Instituto, onde continua sendo director, ou no Museo de Pontevedra ca conclusión  dos traballos de construción do Edificio Fernández López.

1967      Elixido procurador en Cortes, continua a desenvolver unha intensa actividade como alcalde e recibe por segunda vez a visita de Franco á cidade. No ano seguinte cesará no cargo a petición propia.

1970      Intervén activamente nos traballos preparatorios da Ley General de Educación, rematada este ano, destacando a súa defensa do bilingüismo. Nestes últimos anos destacan entre as publicacións o seu Cancioneiriño novo de Compostela no ámbito da creación literaria, no da edición Armas y Triunfos de Galicia de Felipe de la Gándara, e Historias de Compostela, libro que recolle artigos moitos deles xa publicados anteriormente.

1971      Participa na creación do Instituto da Lingua Galega na Universidade de Santiago participando nas discusións para acadar unha normativa ortográfica do galego. Publica a súa derradeira obra de creación literaria: Quintana Viva. No ano seguinte recibirá o nomeamento oficial de director do Instituto “Padre Sarmiento” como sucesor de Francisco Javier Sánchez Cantón.

1972      Participa como relator (“Os Luisiadas” em si mesmos como monumento”) na I Reunión Internacional de Camonistas celebrada en Lisboa para conmemorar o IV centenario da publicación dos Luisiadas. Tamén fai o prólogo do catálogo da exposición conmemorativa que ten lugar en Madrid. Camoes e Frei Martín Sarmiento, ao que dedica este ano o folleto conmemorativo do “Día de la Hispanidad”, son figuras sobre as que tornará en repetidas ocasións ao longo de toda a súa vida e as que dedicará numerosos estudios.

1976      Xubílase como catedrático de instituto e como “homenaxe dos seus discípulos” publicase Bibliografía, Cursos, Conferencias y Currículo de José Filgueira Valverde. Isto non supón unha parada na súas actividades nin moito menos: Nestes anos participa na fundación do Museo do Pobo Galego e continua publicando traballos de todo tipo, propios e alleos, entre os que cabe salientar o comezo en Faro de Vigo das “glosas” tituladas Adral.

1980      Neste lapso de tempo sucédense os premios (Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes), nomeamentos e cargos (director honorario do Instituto “Sanchez Cantón”, presidente da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra,…), as conferencias e a edición de obras entre as que destaca a publicación do primeiro volume de Adral neste ano, e a preparación da edición do facsimil do manuscrito escurialense das Cantigas de Santa María (ocúpase do prólogo, a bibliografía, a versión castelá,…). O ano seguinte co gallo das Letras Galegas dedicadas a Alfonso X tornará sobre esta temática con Alfonso X e Galicia e unha escolma de Cantigas.

1981      Toma posesión como numerario da Real Academia de Historia. Publica o Segundo Adral e continua entregado a rehabilitación do “Edificio Sarmiento” do Museo de Pontevedra cedido pola Deputación.

1982      Nomeado Conselleiro de Cultura adxunto á Presidencia da Xunta no primeiro Goberno autonómico. Dende aí pon en marcha o Consello Asesor da Cultura Galega que desembocará no ano seguinte no Consello da Cultura Galega.

1983      Cesa como conselleiro. Participa na creación das Fundacións Alfredo Brañas, Castelao e Filgueira Valverde e publica o Terceiro Adral.

1986      Renuncia a Dirección do Museo de Pontevedra do que é nomeado director emérito e patrón honorario. Continua publicando traballos dedicado a figuras da cultura Galega como Castelao  ou Valle-Inclán (se conmemoran o centenario do nacemento do primeiro e o cincuentenario do pasamento do segundo).

1992      Nestes últimos anos recibe numerosos premios como o Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, a Medalla de Ouro da Cidade de Santiago, a Medalla Castelao, o Fernandez Latorre, … foi incluso proposto para o Premio “Principe de Asturias” das Letras en 1986.  Publica este ano o seu VII Adral e Estudios sobre lírica medieval. Traballos dispersos, 1925-1987 con prólogo de Basilio Losada.

1995      O falecemento da súa esposa supón un duro golpe na súa xa delicada saúde.

1996      Investido doutor “Honoris Causa” polas universidades de Santiago e Vigo. A pesar do seu delicado estado de saúde, continua participando en todo tipo de actos e recibe o Premio das Letras e das Artes de Galicia e o título de Fillo Predilecto da cidade de Pontevedra. Falece na mañá do venres 13 de setembro. O IX Adral sairá do prelo con carácter póstumo.

 

Esta cronobiografía é unha versión adaptada e resumida do exhaustivo artigo que Xosé Carlos Valle Perez publicou co título: Xosé Filgueira Valverde, 1906-1996, notas biográficas en: Xosé Filgueira Valverde : 1906-1996, un século de Galicia [catálogo da exposición] / edición Xosé Carlos Valle Pérez ; coordinación e revisión Xosé Fuentes Alende ; textos Xesús Alonso Montero … [et al.]. — Pontevedra : Museo de Pontevedra, imp. 2007.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s