Seguindo unha “tradición” comezada hai dous anos co homenaxe a Roberto Vidal Bolaño e continuada no 2014 con Díaz Castro, a BUSC inaugura hoxe blog adicado á obra de Xosé Filgueira Valverde, autor ao que se lle adica o Día das Letras 2015. O noso cometido é vincular a devandita celebración facendo un seguimento da mesma: ofertar as referencias do noso catálogo bibliográfico, proporcionar unha bibliografía actualizada sobre o autor e ollar tamén as publicacións mais recentes, asi coma a repercusión na prensa e nas redes sociais, etc. Agardamos que sexa do voso interese.
En 1925, nunha editorial sita na rúa Real da Coruña, dous editores sobranceiros -Anxel Casal e Leandro Carré- sacaban á luz a primeira edición de Os nenos de Xosé Filgueira Valverde. Pouco despois,no mesmo ano, sae a segunda edición que, coma a primeira, imprimiuse en Pontevedra, no obradoiro de Antúnez. Ambalas dúas levaban capa e contracapa dibuxada por Castelao e ilustracións no interior de Luís Pintos Fonseca.
- Portada da segunda edición de “Os nenos”
- Ilustración de Luís Pintos Fonseca
- Colofón desta segunda edición de trescentos exemplares, saída do prelo o día 28 de outobro de 1925
- Capa da obra, deseño de Castelao
- Contracapa, deseño de Castelao.
A obra vai adicada a :
“Á sagra lembranza dos irmanciños mártires nas terras de Eir-Einn. Dos nenos enxendrados no medo, nascidos no dór, criados na fame. Dos que morréron baixo o ferro alleo. Dos que viviron baixo do alleeiro trebon. Dos que non poideron rir, nen rebuldar ledos como nenos. Dos que choraron a reo; apouvigados como bestas. Dos que ollaron morrer os pais i-os irmans na loita pol-a Patrea e degararon morrer eles. E tamén á lembranza dos fillos dos invasores porque terán de sere mártires da sua noxente cobiza, porque o sangue e as tristuras dos nenos de Irlanda cairán sobór de eles”.
Compostela, a catro de Febreiro do MCMXXV
Misturada coa inocencia e ilusión da infancia- os xogos e a aventura, a ollada limpia ao mundo- está tamén a tristura da pobreza, da conciencia de pertencer a unha clase desfavorecida e, tamén, da desesperanza e amargura dos adultos. Temos que lembrar que esta obra inaugurou a Biblioteca do Seminario de Estudios Galegos e que Filgueira Valverde tiña, no momento da publicación,dezanove anos. Nesa época o autor, malia súa xuventude, xa participara na fundación do SEG e fora promovido coma membro correspondente da Real Academia Galega. Na peza literaria curta que forman os quince relatos de Os nenos descobremos tamén a un autor vencellado a un compromiso e unha irmandade irlandesa, mais sentimental que política. Os persoaxes que transitan por estes relatos reflicten, dun xeito particular, a sociedade galega da época, o mundo que atopa un rapaz recén chegado ao ollar crítico do mundo.
A obra da que falamos hoxe tivo unha reedición posterior, mesmo en vida do autor, incluída noutro volume mais amplo titulado Quintana viva no ano 1971. Di Filgueira Valverde no Limiar:
Recóllese neste libriño un feixe de follas das que fun escribindo ao longo de medio século de laboriosos eidos, hoxe vizosos, das nosas letras. Son pequenas refendas, en prosa poética, encetadas con “Nenos”, narracións do feitío que Castelao soupo axiña soerguer coma ninguén e nomear para sempre “Cousas”.
Castelao ocuparase das ilustracións desta Quintana viva. Deixamos aquí dous exemplos das fermosas ilustracións de Castelao, unha na capa e outra no interior do libro:
- Ilustracións de Castelao para “Quintana viva” que inclúe “Os nenos”.
- Capa da edición de 1971 de “Quintana viva”.
No ano 2015, o Consello da Cultura Galega reedita Os nenos nun facsímil que conta coas aportacións críticas de Ramón Villares, Fina Casalderrei e Miguel Fernández -Cid, con ilustracións de David Pintor. O facsímil pode descargarse aquí.
- Sobre a editorial Lar e o que supuxo, parecenos moi interesante este artigo de Henrique Alvarellos 90 años de Lar, la moderna editorial que creó Leandro Carré
- Tomamos moita información dos estudos introductorios á edición facsímil recentemente publicada polo Consello da Cultura Galega, a cargo de Fina Casalderrei, Ramón Villares e Miguel González-Cid.
Para coñecer tamén sobre os libros que saíron do prelo de Ánxel Casal, é imprescindible o blog de Xabier Iglesias, unha xoia que non cansaremos de recomendar :Os libros de Anxel Casal. Hoxe centrámonos no post adicado á publicación de Os nenos aínda que todo o blog é moi recomendable.