XFG na rede

Unha das posibilidades que ofertan as chamadas novas tecnoloxías é facer unha procura de documentación axeitada e ordenada. Neste 2015, a Televisión de Galicia proporciona unha ferramenta fundamental para poder achegármonos aos autores homenaxeados nos sucesivos 17 de maio. Trátase da colección de vídeos“Letras Galegas” que forma parte do proxecto pasouoquepasou.crtvg, o espazo interactivo  a dispor de tódolos cidadáns, no que se poden  buscar e consultar  materiais gráficos rexistrados polas cámaras da TVG e que se corresponden con momentos significativos na historia recente de Galicia.  Atopamos dous vídeos adicados ao autor deste ano: un chamado Conversas con Filgueira Valverde e outro titulado Biografía de Xosé Filgueira Valverde . Ademais destes dous documentos, paga a pena darse unha volta polo resto dos vídeos que conforman a devandita sección, xa que constituen un feixe de documentación de moito valor.

En Youtube atopamos unha listaxe de reproducción titulada Homenaxe a Filgueira Valverde e constituída por catro documentais: o primeiro deles a cargo do Consello da Cultura Galega, outro de Pontevedra TV,  tamén de Galicia Dixital e a presentación da web da Fundación Xosé Filgueira Valverde. Tanto a primeira como a última institución mencionadas manteñen as súas propias páxinas adicadas ao autor.

A canle da Consellería de Cultura,a través da súa canle en  Youtube permete ver  documental de Gonzalo Veloso Contextualizando a Filgueira Valverde 

 

Un dos aspectos mais interesantes é a contribución de profesores e mestras, dos nenos e nenas dos institutos e escolas, no coñecemento e difusión das figuras homenaxeadas nos Días das Letras. Na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística  recompílanse  unha listaxe das actividades dinamizadoras dos centros  que subliñan o bo traballo que se fai no ensino para dar a coñecer as figuras da nosa cultura. O xogo deseñado no CEIP de A Magdalena en As Pontes, ou o  Pasapalabra  do CEIP A Ponte de Lugo son exemplos salientables. Coma mostra, deixamos a que fixeron no CEIP de Galán en Oseiro-Arteixo, a partir dunha recompilación de fotografías de XFV

E coma orixinal, tamén, cabe mencionar o feito polo CEE de Panxón

 

 

En definitiva, ademais do traballo feito por institucións coma a RAG, o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega ou a propia Fundación Filgueira Valverde, existen na rede multitude de iniciativas orientadas a público moi diverso.

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Arrancamos co blog das Letras Galegas 2015: “Os nenos” de XFV

Seguindo unha “tradición” comezada hai dous anos co homenaxe a Roberto Vidal Bolaño e continuada no 2014 con Díaz Castro, a BUSC inaugura hoxe blog adicado á obra de Xosé Filgueira Valverde, autor ao que se lle adica o Día das Letras 2015. O noso cometido é  vincular a devandita celebración facendo un seguimento da mesma: ofertar as referencias do noso catálogo bibliográfico, proporcionar unha bibliografía actualizada sobre o autor e ollar tamén as publicacións mais recentes, asi coma a  repercusión na prensa e nas redes sociais, etc.  Agardamos que sexa do voso interese.

 

En 1925, nunha editorial sita na rúa Real da Coruña, dous editores sobranceiros -Anxel Casal e Leandro Carré- sacaban á luz a primeira edición de Os nenos de Xosé Filgueira Valverde. Pouco despois,no mesmo ano, sae a segunda edición que, coma a primeira, imprimiuse en Pontevedra, no obradoiro de Antúnez. Ambalas dúas levaban capa  e contracapa dibuxada por Castelao e ilustracións no interior de Luís Pintos Fonseca.

A obra vai adicada a :

“Á sagra lembranza dos irmanciños mártires nas terras de Eir-Einn. Dos nenos enxendrados no medo, nascidos no dór, criados na fame. Dos que morréron baixo o ferro alleo. Dos que viviron baixo do alleeiro trebon. Dos que non poideron rir, nen rebuldar ledos como nenos. Dos que choraron a reo; apouvigados como bestas. Dos que ollaron morrer os pais i-os irmans na loita pol-a Patrea e degararon morrer eles. E tamén á lembranza dos fillos dos invasores porque terán de sere mártires da sua noxente cobiza, porque o sangue e as tristuras dos nenos de Irlanda cairán sobór de eles”.

Compostela, a catro de Febreiro do MCMXXV

Misturada coa inocencia e ilusión da infancia- os xogos e a aventura, a ollada limpia ao mundo- está tamén a tristura  da pobreza, da conciencia de pertencer a unha clase desfavorecida e, tamén, da desesperanza e  amargura dos adultos. Temos que lembrar que esta obra inaugurou a Biblioteca do Seminario de Estudios Galegos e que Filgueira Valverde tiña, no momento da publicación,dezanove anos. Nesa época  o autor, malia súa xuventude, xa participara na fundación do SEG e fora promovido coma membro correspondente da Real Academia Galega. Na peza literaria curta que forman os quince relatos de Os nenos  descobremos tamén a un autor vencellado a un compromiso e unha irmandade  irlandesa, mais sentimental que política. Os persoaxes que transitan por estes relatos reflicten, dun xeito particular, a sociedade galega da época, o mundo que atopa un rapaz recén chegado ao ollar crítico do mundo.

A obra da que falamos hoxe tivo unha reedición posterior, mesmo en vida do autor, incluída noutro volume mais amplo titulado Quintana viva no ano 1971. Di Filgueira Valverde no Limiar:

Recóllese neste libriño un feixe de follas das que fun escribindo ao longo de medio século de laboriosos eidos, hoxe vizosos, das nosas letras. Son pequenas refendas, en prosa poética, encetadas con “Nenos”, narracións do feitío que Castelao soupo axiña soerguer coma ninguén e nomear para sempre “Cousas”.

Castelao ocuparase das ilustracións desta Quintana viva. Deixamos aquí  dous exemplos das fermosas ilustracións de Castelao, unha na capa e outra no interior do libro:

 

No ano 2015, o Consello da Cultura Galega reedita Os nenos nun facsímil que conta coas aportacións críticas de  Ramón Villares, Fina Casalderrei e Miguel Fernández -Cid, con ilustracións de David Pintor. O facsímil pode descargarse aquí.

Para coñecer tamén sobre os libros que saíron do prelo de Ánxel Casal, é imprescindible o blog de Xabier Iglesias, unha xoia que non cansaremos de recomendar :Os libros de Anxel Casal. Hoxe centrámonos no post adicado á publicación de Os nenos aínda que todo o blog é moi recomendable.