XFV e as Cantigas

En 1935 XFV defende a súa tese de doutoramento sobre a cantiga CIII, unha das mais célebres das Cantigas de Santa María.  A ela adicoulle varios traballos, convertíndose nun referente fundamental en tódalas publicacións referentes ao rei Alfonso X e a súa obra.   Coma nos lembra Mercedes Brea- nun artigo contido no volume homenaxe Xosé Filgueira Valverde: 1906-1996 un século de Galicia-cómpre lembrar a súa colaboración na edición do facsímil do chamado códice Rico- na que redacta o estudo introdutorio e as anotacións, transcribe o texto e fai a versión castelá;  asi coma os posibles motivos que levasen a ese desapego hacia Galicia e Santiago que desprende a obra do rei Sabio.

Temos que insistir no seu carácter de pioneiro, en Galicia, nas investigacións sobre as cantigas trobadorescas: dende as súas primeiras achegas demostra claramente estar ao tanto do que se publicaba sobre lírica medieval (Gaston paris, Theóphilo Braga, Alfred Jeanroy…), algo que representa case unha novidade no panorama galego e que se explica, moi probablemente, polo maxisterio que sobre él exerceu Armando Cotarelo Valledor (director da súa tese de doutoramento) (…)

“D. Xosé Filgueira Valverde e a lírica galego portuguesa”, p. 216

Neste artigo da profesora Brea repásase o contexto no que xurden os estudos fundacionais da lírica galego-portuguesa. Filgueira Valverde comeza as súas investigacións nun terreo preparado xa en Galicia polos esforzos de intelectuais que viñan traballando  sobre este tema dende tempo atrás, nunha nómina na que cómpre sinalar a Antonio de la Iglesia, Oviedo e Arce, Murguía ; e, lóxicamente, será coñecedor do que se fai alén das nosas fronteiras, especialmente do volumen homenaxe a Menéndez Pidal  con traballos, entre outros, de López Aydillo e Carolina Michaelis de Vasconcellos.

 

IMG-20150511-WA0005

Portada da tese de doutoramento de XFV,custodiada na BUSC (prema na imaxe para ver no catálogo).

Na BUSC temos a edición facsimilar do chamado  códice Rico das Cantigas de Santa María, publicada por Edilán en 1979, na que XFV realiza, coma xa mencionamos, o estudo introductorio, comentarios e transcripción do texto, cunhas ilustracións de gran beleza e das que deixamos unha mostra.

 

 

 

 

XFG na rede

Unha das posibilidades que ofertan as chamadas novas tecnoloxías é facer unha procura de documentación axeitada e ordenada. Neste 2015, a Televisión de Galicia proporciona unha ferramenta fundamental para poder achegármonos aos autores homenaxeados nos sucesivos 17 de maio. Trátase da colección de vídeos“Letras Galegas” que forma parte do proxecto pasouoquepasou.crtvg, o espazo interactivo  a dispor de tódolos cidadáns, no que se poden  buscar e consultar  materiais gráficos rexistrados polas cámaras da TVG e que se corresponden con momentos significativos na historia recente de Galicia.  Atopamos dous vídeos adicados ao autor deste ano: un chamado Conversas con Filgueira Valverde e outro titulado Biografía de Xosé Filgueira Valverde . Ademais destes dous documentos, paga a pena darse unha volta polo resto dos vídeos que conforman a devandita sección, xa que constituen un feixe de documentación de moito valor.

En Youtube atopamos unha listaxe de reproducción titulada Homenaxe a Filgueira Valverde e constituída por catro documentais: o primeiro deles a cargo do Consello da Cultura Galega, outro de Pontevedra TV,  tamén de Galicia Dixital e a presentación da web da Fundación Xosé Filgueira Valverde. Tanto a primeira como a última institución mencionadas manteñen as súas propias páxinas adicadas ao autor.

A canle da Consellería de Cultura,a través da súa canle en  Youtube permete ver  documental de Gonzalo Veloso Contextualizando a Filgueira Valverde 

 

Un dos aspectos mais interesantes é a contribución de profesores e mestras, dos nenos e nenas dos institutos e escolas, no coñecemento e difusión das figuras homenaxeadas nos Días das Letras. Na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística  recompílanse  unha listaxe das actividades dinamizadoras dos centros  que subliñan o bo traballo que se fai no ensino para dar a coñecer as figuras da nosa cultura. O xogo deseñado no CEIP de A Magdalena en As Pontes, ou o  Pasapalabra  do CEIP A Ponte de Lugo son exemplos salientables. Coma mostra, deixamos a que fixeron no CEIP de Galán en Oseiro-Arteixo, a partir dunha recompilación de fotografías de XFV

E coma orixinal, tamén, cabe mencionar o feito polo CEE de Panxón

 

 

En definitiva, ademais do traballo feito por institucións coma a RAG, o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega ou a propia Fundación Filgueira Valverde, existen na rede multitude de iniciativas orientadas a público moi diverso.

 

 

 

 

 

 

 

 

Filgueira Valverde e a “Editorial de los Bibliófilos Gallegos”

Falabamos no primeiro post deste blog adicado á figura e a obra de XFV a importancia que tivo a editorial Lar. En agosto de 1948, e partindo dunha iniciativa de Filgueira Valverde e Sánchez Cantón, xorde en Santiago de Compostela a Editorial de los Bibliófilos Gallegos,  As obras publicadas nesta editorial destacan pola súa impecable factura, pola intención, esbozada nos seus estatutos de reeditar obras antiguas ” y la publicación de originales de autores contemporáneos, en especial de los que den a conocer aspectos ignorados de las Letras, el Arte y las costumbres”. Vencellada nos seus orixes ao Instituto Padre Sarmiento, terá coma accionistas nas súas diferentes etapas, a persoeiros da cultura galega como Fernández del Riego ou Paz Andrade, e na súa derradeira etapa Antonio Odriozola, disolta xa coma editorial e trasladada a Pontevedra.

Xesús Alonso Montero fala na súa obra Xosé Filgueira Valverde: Biografía intelectual do comezo da andaina desta editorial  con Camiños no tempo, de Ramón Cabanillas. Este volume ten unha grande importancia, dado que- aínda que non contén poemas de No desterro, Vento mareiro ou Da terra asoballada (que, segundo di Alonso Montero non pasarían a censura daquel momento)- si ten as tres sagas de Na noite estrelecida, obra capital na traxectoria poética do autor.

camiños no tempo

Primeira edición de Camiños do tempo de Ramón Cabanillas (1949). Exemplar da BUSC .

 

[Inciso: Tirando deste fío, recórdanos Alonso Montero que a primeira edición da  Obra completa  do autor cambadés publicaríase en Arxentina no ano 1959. Rebuscamos no noso catálogo e atopamos a mentada edición, da que non nos resistimos a poñer o colofón:

 

cabanillas

Colofón das “Obras completas” de Ramón Cabanillas, publicadas en Buenos Aires ao coidado de Luis Seoane e Eduardo Blanco-Amor. Exemplar da BUSC.

 

Rematado este pequeno inciso e seguindo coa actividade da editorial, é salientable o traballo feito na edición facsimilar. Destacaría  La descripción del Reyno de Galicia, do licenciado Molina, da cal tamén pódese ler en liña un exemplar da  BUSC de finais do século XVI, reprodución segundo algúns expertos, do orixinal de 1550.  A editorial, baixo esa consigna de edicións de calidade e de recuperación dalgúns textos clásicos e outros menos coñecidos, mantivo durante toda a súa traxectoria uns altísimos niveis de calidade, tanto na selección dos textos coma na factura dos mesmos.  Poderíamos citar, entre a extensa nómina da colección, títulos coma El cazador gallego con escopeta y perro (1837) de D. Froylan de Troche y Zúñiga editada en 1952; a antoloxía que Carlos Martínez Barbeito adica a Macías el Enamorado y Juan Rodríguez del Padrón (1951) ou, tamén, a edición das Novelas de López Ferreiro (1953).

 

bibliovarios

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, adícalle unha exposición que se pode visitar ata o día 31 de maio.

 

Arrancamos co blog das Letras Galegas 2015: “Os nenos” de XFV

Seguindo unha “tradición” comezada hai dous anos co homenaxe a Roberto Vidal Bolaño e continuada no 2014 con Díaz Castro, a BUSC inaugura hoxe blog adicado á obra de Xosé Filgueira Valverde, autor ao que se lle adica o Día das Letras 2015. O noso cometido é  vincular a devandita celebración facendo un seguimento da mesma: ofertar as referencias do noso catálogo bibliográfico, proporcionar unha bibliografía actualizada sobre o autor e ollar tamén as publicacións mais recentes, asi coma a  repercusión na prensa e nas redes sociais, etc.  Agardamos que sexa do voso interese.

 

En 1925, nunha editorial sita na rúa Real da Coruña, dous editores sobranceiros -Anxel Casal e Leandro Carré- sacaban á luz a primeira edición de Os nenos de Xosé Filgueira Valverde. Pouco despois,no mesmo ano, sae a segunda edición que, coma a primeira, imprimiuse en Pontevedra, no obradoiro de Antúnez. Ambalas dúas levaban capa  e contracapa dibuxada por Castelao e ilustracións no interior de Luís Pintos Fonseca.

A obra vai adicada a :

“Á sagra lembranza dos irmanciños mártires nas terras de Eir-Einn. Dos nenos enxendrados no medo, nascidos no dór, criados na fame. Dos que morréron baixo o ferro alleo. Dos que viviron baixo do alleeiro trebon. Dos que non poideron rir, nen rebuldar ledos como nenos. Dos que choraron a reo; apouvigados como bestas. Dos que ollaron morrer os pais i-os irmans na loita pol-a Patrea e degararon morrer eles. E tamén á lembranza dos fillos dos invasores porque terán de sere mártires da sua noxente cobiza, porque o sangue e as tristuras dos nenos de Irlanda cairán sobór de eles”.

Compostela, a catro de Febreiro do MCMXXV

Misturada coa inocencia e ilusión da infancia- os xogos e a aventura, a ollada limpia ao mundo- está tamén a tristura  da pobreza, da conciencia de pertencer a unha clase desfavorecida e, tamén, da desesperanza e  amargura dos adultos. Temos que lembrar que esta obra inaugurou a Biblioteca do Seminario de Estudios Galegos e que Filgueira Valverde tiña, no momento da publicación,dezanove anos. Nesa época  o autor, malia súa xuventude, xa participara na fundación do SEG e fora promovido coma membro correspondente da Real Academia Galega. Na peza literaria curta que forman os quince relatos de Os nenos  descobremos tamén a un autor vencellado a un compromiso e unha irmandade  irlandesa, mais sentimental que política. Os persoaxes que transitan por estes relatos reflicten, dun xeito particular, a sociedade galega da época, o mundo que atopa un rapaz recén chegado ao ollar crítico do mundo.

A obra da que falamos hoxe tivo unha reedición posterior, mesmo en vida do autor, incluída noutro volume mais amplo titulado Quintana viva no ano 1971. Di Filgueira Valverde no Limiar:

Recóllese neste libriño un feixe de follas das que fun escribindo ao longo de medio século de laboriosos eidos, hoxe vizosos, das nosas letras. Son pequenas refendas, en prosa poética, encetadas con “Nenos”, narracións do feitío que Castelao soupo axiña soerguer coma ninguén e nomear para sempre “Cousas”.

Castelao ocuparase das ilustracións desta Quintana viva. Deixamos aquí  dous exemplos das fermosas ilustracións de Castelao, unha na capa e outra no interior do libro:

 

No ano 2015, o Consello da Cultura Galega reedita Os nenos nun facsímil que conta coas aportacións críticas de  Ramón Villares, Fina Casalderrei e Miguel Fernández -Cid, con ilustracións de David Pintor. O facsímil pode descargarse aquí.

Para coñecer tamén sobre os libros que saíron do prelo de Ánxel Casal, é imprescindible o blog de Xabier Iglesias, unha xoia que non cansaremos de recomendar :Os libros de Anxel Casal. Hoxe centrámonos no post adicado á publicación de Os nenos aínda que todo o blog é moi recomendable.